xoves, 24 de abril de 2014

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

   
    Onte foi o DÍA DO LIBRO e para celebralo, fixemos uns marcapáxinas que sinalasen onde imos quedando nos contos "grandes" que lemos. Para facelos empregamos materiais reciclados: os recortes da picadora, retrincos de cartulinas metalizadas, papeis de cores, unha base doutros marcapáxinas que tiñamos gardados "...por sí" e plumas de cores. Cada un empregou o que quixo e sairon ben bonitos. (despois plastifiqueillos para que non lles caesen pezas)
     Traballamos cunha medida que non dan pillado ( "a que cabe entre dous dedos"", xa que a maioría prefieren traballar con outra máis amplia ("a manchea"). Cando teñen moito material para escoller, deixanse levar pola ansia e comezan a acaparar ... ata que se decatan que non lles vai caber todo o escollido... e logo teñen que recollelo!
      E aínda que a primeira vista poidan parecer iguais, non é tal , xa que cada un estivo facendo e desfacendo a súa composición como tiñan o día: minimalistas, acaparadores, rosas, brilantes, naturais...
      E logo barrimos  e barrimos e barrimos.... e aínda así quedounos un chan ben lucido! E uns marcapáxinas moi bonitos! Agora teñen que metelos nos libros!







experimentando ...

  
    A derradeira semana do segundo trimestre fixemos varios experimentos: sobre o peso do aire (cunha percha e dous globos) e  sobre a electricidade (intentamos encender unha bombilla con un limón!). O do peso do aire saleunos moi ben, pero o do limón non conseguimos que funcionase e que se encendese a bombilla: decían que o limón tiña que ser máis grande, a bombilla máis pequena, o cable máis curto... pero nada!. Así que comemos o limón ... e plantamos as sementes que lle atopamos! 

clicar para ver as fotos dos experimentos


      Tamén fixemos un ramo de flores cos cartóns dos ovos, pintámolos de amarelo e envolvemos os  paos en papel de seda para facer os talos (que foi o que máis costou porque se lles pegoteaban os dedos...)  e quedonos un bonito ramiño de narcisos como os que temos no xardín.




xoves, 3 de abril de 2014

SPOT BOOK

  Estos días Emma estaba un chisco emocionada xa que esperábamos a visita de súa nai  para contarnos un conto en inglés. Bea chegou con un par de libros e cargada de cousas para acompañalos: primeiro contoulles un conto sobre alimentos e sabores e fíxolles repetir algunhas das palabras e despois houbo SORPRESA. Era un conto para comer! (a spot book). Probamos pizza, pepinillos, pasteliños salados-pretzel e de remate houbo xeado de chocolate!. Ademáis de comer as cousas que saían no conto, tiñan que identificar os distintos sabores e decir as palabras en inglés: 
  • a pizza estaba picante-spicy
  • os pepinillos - picles tiñan sabor amargo-sour flavour
  • os pasteliños- pretzel tamén eran salados-salty
  • e os xeados-ice cream  estaban deliciosos-delicious!
   Ao primeiro algúns non querían probar a pizza pero logo fóronse animando e repetiron... e nin vos conto cando viron os xeados, de eso non quedou nada! somos un chisco larpeiros!
   Despois fixeron dibuxos de Bea e das cousas que comimos e regaláronllos. Cando remataron xa era a hora da merenda e aínda tiñan fame...(e ao día seguinte a monitora do comedor contoume que despois comeron coma limas!)
    
                                       

  En este kizoa están as fotos da visita de Bea: un mundo de tempo para subilas, outra vez pelexando co adsl e a banda ancha... que debe estar a dieta! e cabreada! cousa máis leeeeenta!

clicar para ver



martes, 1 de abril de 2014

CAZADORES PRIMITIVOS


     Estas son escenas de cazarías que dibuxamos cando falamos dos homes primitivos. En internet vimos pinturas rupestres e na cova que fixemos baixo as escaleiras algúns aínda siguen dibuxando animais e escenas de caza.  Aprendimos que traballaban as pedras para facer as súas ferramentas e utensilios de uso cotián (machadas, coitelos, raspadores...) e armas para cando ían de cazaría (lanzas, puntas de frecha...).
 
      Na clase temos unhas pedras de silex como as que empregaban e tamén sabíamos que tiñan os roles moi repartidos, que os homes eran os cazadores e as mulleres as recolectoras e coidadoras da familia, aínda así, nós queríamos ter cazadoras e cazadoras dibuxamos. Pero a pesar de querer igualar os roles, "algo" se nota diferente nos dibuxos de nenos e nenas. Fixádevos. Neste caso os que empregaron máis detalles nos cazadores e nas armas foron os nenos e as nenas paráronse máis nos vestidos e peiteados ... tal que algunha das cazadoras parecían recen peiteadas! Cousas do estilismo!

clicar para ver as escenas das cazarías

luns, 31 de marzo de 2014

UN PASEO POLO MUIÑO DE CASTRIGO

    O venres, collimos camiño de Castrigo, aproveitando o que podía ser o derradeiro día de sol durante un bó tempo. Puxemos as botas de auga e arrancamos despois dun anaco de preparativos e repaso de normas. A miña intención era ir buscando as flores que naceran polas cunetas e no monte cercano o comenzar a primavera, e acabamos chegando o muiño e o lavadoiro de Castrigo. Fomos recollendo moitas flores, sobre todo atopamos un montón de axugas, botós de ouro, acedeiras, margaridas e corriolas... Acompañounos María, que comenzou a facer un ramiño e todos quixeron facerse un: ao final cada un levaba o seu máis ou menos elaborado...

     Cando por fín chegamos á volta de Castrigo, atopamos o rio, coas presas do muiño, o lavadoiro e a fonte. Xa tiñamos falado outras veces de como se moía o millo para facer a fariña e como se lavaba a roupa cando non había lavadoras... e pasárono moi ben no paseo. Ademáis atopamos un par de galiñeiros con polos blancos e galiñas de moitas cores... Levounos máis ou menos unha hora e cando volvimos chegamos xusto para tomar a merenda... Nin vos conto o rápido que comeron e algúns seguían con fame!
           
                                                         Aquí vos poño as fotos.

clicar para ver as fotos
    

luns, 24 de marzo de 2014

UN PASEO POLO PATIO

     Comezou a primavera e saímos a ver como quedaran colocados os caixóns de madeira nos que imos facer o noso horto. Temos preparados seis caixóns grandes, dos que eles me axudaron a montar o primeiro: coma un xogo enorme de construcción... pero de verdade!. Tamén pudemos observar como estaban as plantas do patio, como asomaban as flores, os brotes novos, como algunhas morreran e sobre todo como foi cambiando todo coa chegada da primavera. 

      Agora só estamos á espera de que nos chegue a terra (cousa que xa parece a terra prometida polo que tarda!) para comenzar a plantar e colaborar cos pais e nais voluntarios. En esta presentación de kizoa púxenvos as fotos do paseo.

clicar para ver
 

EXPERIMENTOS CON OVOS

      Un día, cando estábamos recollendo, un neno intentaba con todas as forzas meter un xogo grande nunha caixa pequena e outro berroulle: "non ves que non cabe, que é moi grande!".... entón eu pregunteilles se sempre era así, se non se podería meter algo grande nun sitio pequeno. Por suposto todos dixeron que non, pero eu propúxenlles o coñecido experimento de meter un ovo dentro dunha botella. Trouxen o material preciso: alcohol, algodón, OVOS COCIDOS,  e un mecheiro... e comezamos o experimento. 
   
      Conseguimos meter o ovo dentro da botella (queimando o osíxeno que tiña dentro), cousa que os deixou pasmados (sobre todo porque podían ver como se deformaba ao pasar polo pescozo da botella e polo ruido que facía PLOP!)... Pero sempre nos ESTOUPABA dentro da botella. O profe Jose recomendounos picar o ovo ... pero estoupou igual. Cambiamos a botella de cristal por unha de plástico.. pero o que conseguimos foi unha lanzadeira de ovos, xa que o cambio de presión foi tan brusco que a botella encartouse de todo e lanzou o ovo fora! Pero a última vez o ovo entro tan amodiño que pudemos velo estupendamente.
    Finalmente aprendimos a meter ovos na botella e que  si queimábamos o osíxeno que estaba dentro da botella o ovo tiña que entrar a cubrir ese espacio (xa que si quitabamos algo, algo tiña que entrar) pero non conseguimos averiguar a maneira de que os ovos non estoupasen dentro. Se alguén sabe a solución, esperamos impacientes que nola pasedes!

clicar para ver as fotos da experiencia

domingo, 23 de marzo de 2014

EXPERIMENTANDO

   Seguimos coas experiencias: unhas relacionadas co noso entorno e outras cos sentidos. Observando, experimentando, deducindo, probando, sacando conclusións... é decir xogando a ser pequenos científicos. 
     Trátase de que pensen e a través do xogo,  xerar preguntas, fomentar a curiosidade, facer que se pregunten como  funciona o mundo que os rodea. A pregunta é QUE PASARÍA SI...?


AGROMANDO FOLLAS:
 
     Na primeira experiencia saímos no inverno o patio e vimos que o patio de primaria estaba cheo  ramiñas das árbores caidas polo temporal. Como somos de coller todo o que atopamos, recollimos só unhas cuantas nas que  observamos máis xemas e levámolas a clase. Puxémolas nunha xerra con auga e, durante máis dun mes, observamos os cambios que se producían nelas hasta que se encheron de follas!. Decatámonos que as follas de clase naceron moito antes que as das propias árbores e chegamos á conclusión que o elemento diferenciador que fixo que as de clase agromaran antes foi a calor que temos dentro.

RELOXO DE SOL:

    Esta experiencia xurdeu  porque cando por fín remataron os interminables días de choiva e saleu o sol, ao entrar na clase polas mañás  observábamos o xogo de luces dos raios de sol na pantalla e decatámonos que a luz se movía ao longo da mañán. Así que faleilles de distintas maneiras de medir o paso do tempo e dos reloxos de sol. Saímos o patio e fixemos un reloxo de sol con un tubo grande  dentro dun cubo de area para darlle peso e baixamos a horas distintas para ver como se desprazaba  a sombra e marcamos as horas no chan. Como experimento comprobamos que nos levaba uns 5 cm no chan dar toda a volta o patio.  E de paso xurdeu unha pregunta: como se mide o tempo cando non temos nin sol nin reloxos? Seguiremos averiguando...


EXPERIENCIAS COS  SENTIDOS:

    Falamos dos sentidos e do que facemos con eles. O día que fixemos o experimento de inflar globos con vinagre, primeiro dinllo a ulir dentro da botella sin decirlles o que era, para ver si o recoñecían (a maioría dixeron que era ensalada  e non ían descamiñados!). Despois probámolo co dedo para comprobar o sabor e logo tamén probamos sal. Tiñan que meter só a punta do dedo, pero son algo larpeiros! E quixeron repetir...

clicar aquí  para ver as fotos da cata de sal

EXPERIMENTOS CON GLOBOS

   Levamos varios días facendo experimentos na clase e pensando sobre as cousas que nos rodean, unha delas é o aire, que nin vemos nin tocamos... Un dos experimentos que fixemos foi o de inflar un globo empregando vinagre e pastillas efervescentes para xerar unha reacción química que produce un gas que fai aumentar a presión dentro da botella e inche o  globo. Fixeron comentarios de todo tipo e buscaron  explicacións moi interesantes...


clicar para ver as fotos da experiencia
    Tamén fixen un video sobre o experimento de inflar globos con vinagre e pastillas efervescentes. Escoitase falar de cocacola e dun volcán ... porque xa están impacientes polo seguinte esxperimento.

clicar para ver  o video da experiencia

sábado, 22 de marzo de 2014

O PÉNDULO PINTOR


     Gustounos tanto pintar co péndulo, que volvemos probar a ver as figuras que nos salían esta vez. Cambiamos o fondo azul polo blanco para ver diferentes contrastes de cor. Esta vez xa controlábamos máis a cantidade de pintura, a fluidez e os impulsos necesarios...  Xa todos tiñan suxestións para probar: dalle así, bota máis, proba esto ou enche a botella con ese color...
     Póñovos un video de algúns dos momentos (e unha presentación en kizoa) , aínda que a calidade nos sexa moi boa porque a fixen coa cámara de fotos ... e as máns cheas de pintura...

VARIOS MOMENTOS DO TRABALLO. VIDEO
UN KIZOA CON FOTOS DO TRABALLO
        Fixemos varios intentos e na derradeira proba colocamos folios formando unha única superficie que logo separamos para ter cada un de nós un anaco do cadro resultante. Resultounos un puzzle.


mércores, 12 de marzo de 2014

PINTANDO CUN PÉNDULO

    Onte fixemos un experimento que nos resultou fascinante: empregamos un péndulo para pintar e crear curvas moi interesantes (que parece que se chaman  figuras de Lissajous polo científico francés que as estudou). Tamén falamos das forzas que fan que se mova o péndulo e de como se move a terra aínda que non o notemos.
    Para facer o experimento atamos unha corda do teito da clase e colgamos unha botella chea de pintura boca abaixo e co tapón furado. Logo colocamos un papel grande baixo a botella e soltámola con impulso e deixámos que dibuxase ... Fomos probando distintas  cousas:  burato pequeno, logo máis grande, pintura espesa que facía goteos e máis líquida para crear lineas continuas e tamén distintos movimentos ao lanzar a botella. Así xurdiron formas ovaladas, elipses e espirais. Tamén fomos cambiando o recheo de cor da botella...

 E o resultado, que foi precioso, é este:

pintando co péndulo
   E despois tamén atopei a Tom Shannon   un pintor de  Manhattan que emprega o péndulo para crear moitas das súas obras, mesturando arte e ciencia ... igualiño que fixemos hoxe na clase.

esculturas con materiais de refugallo

 
   Seguimos aproveitando materiais de refugallo pra facer traballos na clase. Xa temos visto o que dá de sí unha caixa de cartón e onte fixemos esculturas con anacos de porexpan que viñeran de recheo protexendo algún equipo informático. Utilizamos palillos de cociña para ensartar as pezas... e cada un deixouse levar pola súa imaxinación. O malo era que o gardalas para levar a casa desfixéronse moitas...  Probablemente non chegaron enteiras a casa pero o importante foi o proceso de crear! (ademáis eran esculturas reconstruibles, podían armar e desarmar todo o que lles daba de sí a súa creatividade...).

Premede na imaxe para ver como traballamos con este material...

esculturas de porexpán