martes, 3 de maio de 2016

Visita de Cesar o pai de Lucas

Cesar, o convidado de Lucas B., foi o primeiro pai que nos veu ler un conto dentro das actividades do mes do libro. Lucas estaba radiante cando chegou Cesar co conto de PULGARCITO. 
 Preparoulle a silla dos contos e sentouse a carón del para presentalo e facer de axudante. Despois presentáronse todos e Cesar contounos este conto do século XVII. 
    Non é só un sinxelo conto infantil, senón que trata problemas máis serios: os nenos son "abandonados" no bosque polos problemas económicos de seus pais, Polgariño ten problemas de tamaño, superan moitas dificultades, enfróntanse a medos terribles.... Foi escrito por Charles Perrault, un escritor francés (París 1628-1703), famoso polos contos clásicos infantis como Pel de asno, Polgariño, Barba Azul, Cenicienta, A  bela durminte, Carapuchiña vermella e o gato con botas... 
   
    Perrault foi un importante funcionario real, chegou a ser  membro da Academia francesa e escribeu moitas obras, sobre todo loubando ao rei Luis XIV, o rei Sol. Pero o que lle dou verdadeira fama foron os "Contos do pasado". Un libro que pasou a chamarse "Contos de mamá ganso" (publicado en 1697) onde se atopan a maioría dos seus contos máis famosos. Estes, e non os outros, son  os que pasaron á historia da literatura  chegando ata nós coa mesma frescura coa que foron escritos, despois de que o autor os recollese da tradición oral. 
   A nós chegáronnos sen a crudeza e crueldade das versiós orais. (Na historia orixinal de Perrault o lobo come a Carapuchiña... e así remata o conto!).  Case todos son contos con moralexa, cheos dun encanto que os converteu nas lecturas favoritas dos nenos de tódolos tempos.
     Os personaxes destes contos son nenos e nenas inocentes no medio de fadas, ogros, animais que falan, bruxas e príncipes encantados, entre outros. O ben e o mal.... O escritor ademáis retratou os costumes dunha época na que a maioría non estaba conforme coa súa situación socioeconómica. Para darlle esperanzas ao pobo nun período histórico duro para a xente normal, despois de superar mil e un problemas e dificultades, case sempre lles poñía finais felices. 


   Despois de oir o conto tivemos unha sesión de preguntas para Cesar: para qué Polgariño  tiraba pedriñas polo camiño?, qué é un ogro?, por qué comía nenos?, por qué comeu ás súas propias fillas? (aquí os que estaban  despistados non se percataron do cambiazo que dou Polgariño coas coroas e gorriños...) 
    Cesar traía tamén outro "bestseller" para estos pequenos: A PATRULLA CANINA!. Lucas B. mostrounos o seu libro de colorear e todos tolearon literalmente cos personaxes e díronnos a Cesar e a mín unha clase explicando quén era quén e a súa cor, os seus nomes, os que máis lles gustaban ... Ejemmmmm
 
   Despois deseñamos entre todos unha ficha na PDI   para colorear e escollimos uns personaxes para traballar o número 2. Por suposto escolleron dous da patrulla canina!.
   E para rematar despedimos a Cesar na clase de Psicomotricidade e ensinámoslle como tiramos a muralla de bloques antes de comezar a sesión.
  Moitas gracias Cesar por vir este ratiño a clase!
premer AQUÍ  para ver o kizoa coas fotos


                                     

domingo, 1 de maio de 2016

A visita de Elena

   Elena, a nai de Alma, veu o venres a leernos un par de contos moi interesantes e divertidos: "A TOUPIÑA QUE QUERÍA SABER QUEN LLE FIXO AQUILO NA CABEZA" e "O LIBRO SEN DEBUXOS". Alma estaba taaaaaaan contenta de ter a súa nai na clase... que despois non quería deixala marchar!

    O primeiro é unha pequena clase de ciencias que nos introduce de xeito divertido na natureza da CACA: un libro escatolóxico que nos achega aos distintos tipos de cacas que fan os animais e que nos permitirá máis adiante falarlles da alimentación de estos e porque provocan tan diferentes excrementos.
   Ademáis, que un libro teña como tema a palabra CACA, parécelles moi divertido, xa que entra no que a moitos lles parece un territorio prohibido e restrinxido. 
    Elena viña preparada para unha sesión tranquila, pero ese día os rapaces estaban algo máis inquedos e algún pasou bastante dos contos e de nós... Qué lle imos facer: hai días que unha parte do público non está pola labor!. Pero tiramos para diante e os contos gustáronlles moito!.
     "LIBRO SEN DEBUXOS", deixounos intrigados porque están acostumados  a outro tipo de libros cheos de ilustracións, pero é moi interesante porque serve para introducir aos máis pequenos na idea de que A PALABRA ESCRITA é tan poderosa coma os debuxos e pode ser moi divertida... Por eso é moi importante alternar e  contarlles contos sen apoio visual (nen debuxos, nen videos), para que se percaten do poder da palabra para crear imaxes na súa cabeza....

                                        
    Despois dos contos buscamos na web imaxes e fotos de toupiñas e escolleron algunhas para colorear.  Podedes descargar esta:
  E neste kizoa tedes as fotos da sesión:
premer AQUÍ  para ver as imaxes
Moitas gracias Elena por vir a clase!


Amadriñamentos lectores de 3º a 3 anos

     Entre as actividades que se realizan no Ceip A Maía para o mes do libro están os amadriñamentos lectores. Nesta ocasión foron os alumnos e alumnas de 3º de primaria os que nos viñeron a ler aos pequenos de 3 anos. A actividade está organizada pola profe Ana de AL e realizouse na hora de ler despois do recreo nun espazo que estamos acondicionando.

    Ao principio estaban todos algo tímidos e con vergoña (os pequenos), pero despois soltáronse cando viron que había algún irmán e varios coñecidos e resultou  unha experiencia inesquecible e moi divertida.
    A lectura era por parellas: un maior falaba e contaba o seu conto a un pequeno e cando remataba cambiaban de parella... No kizoa podedes ver como foi o madriñamento. Pasámolo moi ben!





Gracias por vir de madriñas e padriños lectores!

venres, 29 de abril de 2016

Iván, Adela e o tren de Martiño co seu penico!


    Adela, a nai de Iván, veu a clase a contarnos un divertido conto de Chema Heras, ilustrado por Kiko Dasilva: "CANDO MARTIÑO TIVO GANAS DE MEXAR NA NOITE DE REIS" editado por Kalandraka. Iván estaba mooooi emocionado e preparoulle a silla especial á súa nai para que "estivese cómoda", e díxolle que non se preocupase nin estivese nerviosa "porque el ía sentarse a carón dela para axudala".... tiñao todo pensado!
     Os Reis Magos non entran na casa dos nenos que non están durmidos, avisáronno na casa. Pero a medianoite Martiño soñaba, e entráronlle unhas enormes ganas de mexar... E fixo moito ruido!
                                                E entón pasou o que nos contaron Adela e Iván:

   Adela contounos a historia de Martiño e o penico amarelo que lle trouxeron os reis coa "dirección artística" de Iván que non paraba de darlle "instrucións": primeiro lee tí!, despois dalle a volta!, ensínalles os dibuxos! e así todo o rato....

    Despois, os nenos  preguntáronlle a Adela moitas cousas... e falamos de PENICOS, de cando eles os tiveran e de que agora xa eran moi maiores para usalos.
    Como xa comenzaban a remexer puxémonos a pintar os dibuxos que nos trouxo Adela co tren de Martiño e o seu penico atado cunha corda.
premer AQUÍ para ver as fotos

Moitas gracias ADELA por vir a clase a compartir este conto con nós!  



(Como curiosidade direivos que cando buscaba imaxes do conto atopei unha noticia de que, fai xa 10 anos, a editorial Kalandraka estivo a piques de non poder editar este conto nos Estados Unidos porque nas ilustracións de Kiko Dasilva saía o pobre de Martiño "sin cueiros..."). Ufffff

xoves, 28 de abril de 2016

Alessandra, Patricia e unha clase de inglés

 Alessandra trouxo de convidada a súa nai para darnos unha clase de inglés. Patricia veu cargada de cousas, paneis, contos e animaliños.
Cantou, bailou e deixounos a todos coa boca aberta. 

Fixo as rutinas en inglés con unha canción de benvida, vimos os días da semana, os meses, as horas....
 Despois contounos os contos da eiruga larpeira, querido zoo e a araña traballadora.....
    E todo coa axuda de Alessandra que acompañou á súa nai en todo, xa que Patricia traía todo doble: en grande  e en pequeno e as dúas diron a sesión á par! 
Neste video tedes unha parte do que fixo Patricia. Fantástico!

           E premendo na foto de abaixo está o kizoa coas fotos que sacamos da actividade.
premer AQUÍ
 Moitas gracias por vir Patricia!
 E  gracias tamén pola preciosa planta que nos regalaches para clase!
 

mércores, 27 de abril de 2016

Cocorico e o pirata guai!

   Como vos dixera, na entrada da visita de Natalia faltábame por editar e subir o video coas cancións de Cocorico e do pirata guai. Aquí están!. Estiveron encantados: sobre todo Inés que o expresou como sabe e estaba emocionadísima. Gracias de novo Natalia!



 

martes, 26 de abril de 2016

Brancaneves, Noemi e Thayssa e un conto de medo

    Noemi, a nai de Thayssa, foi a nosa convidada para vir a clase a contarnos BRANCANEVES E OS SETE ANANIÑOS. Traía un libro con este conto para nenos... ou eso parece, porque se o analizamos está cheo de violencia ata o final, en que todo se resolve con un bico de amor. 
  Pero nesta historia hai crimes, envexa, ciumes, enganos, venganza,  persecucións... Ata hai canibalismo  e ningún se sorprende de que a malvada bruxa queira comer o corazón de Brancaneves!. Tampouco cuestionamos que no medio do terror e das persecucións a que está sometida Brancaneves, o primeiro que se lle ocurra cando chega a casa dos ananiños sexa comezar a ordenar, limpar e cociñar... Un xeito nada sutil de transmitir a cuestión dos roles femeninos.  

   A versión que nos leeu Noemi é a habitual para os pequenos e todo se resolve sin problemas: a bondade triunfa e a maldade é castigada: como debe ser!.


Outra cuestión neste conto sería o xeito no que se fala da beleza. ¿É boa porque é fermosa?
  Espelliño, espelliño, dime unha cousa 
                                                    quén é de todas a máis fermosa?
  Brancaneves é un deses contos clásicos través dos cales os nenos se achégan aos perigos pero á vez se sinten seguros no seu mundo cando todo se ordena e resolve como é debido.


 Escoitamos a lectura e despois fixemoslle  preguntas a Noemi: sobre a bruxa, a mazá envenenada, e moitas sobre o cabalo do príncipe... Nótase que esta é a etapa dos porqués.


 Aquí está Thayssa encantada coa visita da súa nai.
Moitas Gracias Noemi por vir a clase a pasar un ratiño con nós! 



**************************************

  Jacob e Wilhelm Grimm (Alemania 1786-1859), os famosos irmáns GRIMM, son coñecidos sobre todo polas súas recopilacións de contos populares, e tamén por outros traballos de historia da lingüística e a filoloxía alemanas.
   Entre 1812 y 1822, os irmáns Grimm publicaron "Contos infantis e do fogar", unha coleción de contos
populares recollidos en diferentes tradicións alemanas.    
   Os textos fóronse adornando e moitas veces variando e censurando de edición en edición por causa da súa violencia e extrema dureza. Os irmáns sempre se defendían das críticas decindo que non eran historias para nenos... Igual por iso agora estamos vendo no cine cada vez máis adaptacións de estos contos para un público maior nas que se aprecia máis contido adulto e violento...

   De todos xeitos as versións fóronse adaptando como contos infantis e dulcificandose sobre todo nas versións Disney. E si vos fixades ao que máis prestan atención non é aos lindos animaliños e aos paxariños que falan docemente con Brancaneves. Non, o que os atrae máis é a violencia da malvada raiña convertida en bruxa que manten aos nenos cerca do perigo enfrontandose aos seus medos, pero en un entorno seguro, porque todo remata ben ... e sempre poden pechar o libro.