sábado, 8 de xuño de 2019

Bety e Nuria: unha de princesas e piratas

  Bety, a nai de Nuria, visitounos para participar nas actividades de animación á lectura. Foi Nuria a encargada de convencer á súa nai insistindo "solo un pouquiño". Contounos dous contos que lle gustan a Nuria: un libro musical de Princesas e unha historia de Pepa Pig na illa dos piratas.  Nuria encargouse de ir axudando a mamá a ir pasalas páxinas. 
 
   Cando rematou puxémonos a dibuxar a illa dos piratas, pero Nuria xa non soltou a mamá ata a hora de marchar.

 Moitas grazas Bety por vir correndo do traballo a pasar este ratiño con nós. 

 

luns, 3 de xuño de 2019

Cereixas, fresas e un xardín vertical dos sentidos

   Este curso participamos en varias experiencias coa natureza na horta e no xardín, que nos levaron por exemplo a observar o crecemento das cereixas desde que as vimos en flor ata que as pudemos comer estos días. Ao primeiro atopáronas ácidas, pero logo non chegaban a nada!. No noso patio ademáis están a madurar as moras e os primeiros que as quixeron probar atopáronas moi ricas. Despois xa as probaron case todos!. Tamén seguimos o crecemento das fresas que plantaron na horta os nenos que estaban na miña clase fai 3 cursos e un día fixemos unha "colleita"..
Como eran poucas, fixemos unha "merenda matemática": contámolas, contámonos e repartímolas. O mellor de todo foi compartir. Ademáis o mércores tamén probamos os arándanos e albaricoques da semana da froita que fixeron os maiores estos días.
Participamos ademáis na plantación e coidado do xardín vertical dos sentidos que montou a nosa compañeira Sandra colgando botellas nas columnas do peche que enchemos de terra e plantas e que agora todos podemos coidar e disfrutar...
  (En outra entrada xa vos contaremos como foi esa experiencia na que plantamos leitugas, fresas, plantas aromáticas, de flor e crasas... )


 


domingo, 2 de xuño de 2019

Catarina, Sheyse, Wander e uns contos en portugués.


   Sheyse e Wander viñeron a clase de Catarina a ler para os seus compañeiros uns contos en portugués: "Branca de neve",  e "Papai!". Quixemos facer unha experiencia escoitando os contos noutro idioma  pero algúns perdéronse un pouquiño...e costoulles seguir a actividade. O primeiro que nos leu Sheyse é unha versión do clásico Brancaneves  e aínda que ten palabras que lles costou entender  fórono seguindo porque é unha historia moi coñecida.


   O que nos leu Wander, xa para un grupo máis pequeno, é unha versión do conto "Papá!" do escritor e ilustrador francés Philippe Corentin, e trátase dunha   unha historia de monstruos moi especial para quitarlles os medos aos nenos a través do humor e a imaxinación.


  Despois aproveitamos para traballar coa W de Wander e dibuxamos a Catarina e seus pais. Catarina estaba tan emocionada desde os días antes pola visita de seus pais que non quixo separarse deles en toda a actividade e chorou desconsolada cando os tivo que despedir. 
 Moitas grazas a Sheyse e Wander por vir a clase e participar nestas actividades de animación á lectura e por achegarnos estes contos noutro idioma e pola paciencia ademáis de irlles traducindo e explicando o que lles costaba máis entender.

xoves, 30 de maio de 2019

Ana, Telmo e a ovelliña que veu a cear

    Dentro das actividades de animación á lectura, visitounos Ana,  a nai de Telmo para ler na clase un dos seus contos favoritos: a ovelliña que veu cear. Unha historia chea de humor e tenrura... na que o lobo non é o que parece. 

  Pero os lobos son lobos... ou non?
  Un lobo vello e cheo de fame que só ten sopa de verduras no plato reciba unha inesperada visita: unha ovelliña aterecida de frio que lle peta na porta. O lobo ten moita fame pero prefire esperar a que a ovelliña esté en mellores condicións para comer: que non estea fría, que non teña hipo e que non estea tan famenta. Pero mentres o lobo se vai ocupando de todo isto vanse collendo cariño mutuamente e faina marchar para non chegar a comela... Con momentos de humor e tenrura demostra que si recibimos suficiente cariño, todos podemos cambiar e coma o lobo superar a nosa natureza...
   O autor, e tamén ilustrador, Steve Smallman, ten moitas outras historias que podedes ver AQUÍ.
   Ana, axudada por Telmo, que estaba supercontento de tela na clase, contounos este conto que aínda que xa coñecíamos sempre nos gusta moito. E de remate agasallounos cunha ovelliña feita con goma eva para cada un.  
  Moitas grazas Ana por vir a contarnos este conto tan bonito!

martes, 28 de maio de 2019

Versos para Antonio Fraguas no paseo fluvial


   Participamos nesta actividade proposta polo equipo de normalización lingüística do Concello para o Día das Letras Galegas. Escribimos sobre a nosa laxa os versos de Antonio Fraguas sobre a aldea de Insuela onde naceu, e decorámola entre todos.



  Despois os nosos representantes, Xián e Maeba, que saíron escollidos por sorteo, foron pendurala das árbores do paseo fluvial de Bertamiráns facendo un CAMIÑO DE VERSOS para disfrute de todos os paseantes.


  •   E nesta montaxe vedes como decoramos o noso poema de Fraguas.


 
 E no disco de Xoán Curiel, podemos oir o poema "Quen me dera en Insuela" nunha canción.
premer para escoitar a canción

luns, 27 de maio de 2019

Olivia, Claudia, Noelia e a toupiña que quería saber...

 Dentro das actividades de animación á lectura, as convidadas de Olivia foron Noelia e a súa irmá Claudia. Despois das presentacións Noelia e Claudia,  coa axuda de Olivia, fixéronnos un xogo de movemento coas mans que lle gusta moito á pequena. 


E despois Claudia contoulles un conto aos compañeiros da súa irmá. Escolleu na biblioteca de aula  o conto da toupiña que quería saber quen lle fixera "aquilo" na cabeza.
    Tanto co xogo como co conto pasámolo xenial!. Nunha das montaxes están as fotos da sesión e no video está o conto que nos contou Claudia. Moitas grazas ás dúas por compartir con nós este ratiño!


 
 

sábado, 18 de maio de 2019

O Maio

     Os pequenos de 3 anos achegáronse á tradición dos maios e fixeron este de papel. Despois buscaron e escolleron en internet  as flores que lles gustaban.... e, como vimos maios que levaban ovos e froitas, tamén lle puxeron limóns. 

 Pintáronas e recortáronas e como algunhas eran un pouco máis dificiles algúns encargáronse de repasar os recortes e así todos colaboraron na súa medida. Aínda así algunhas acabaron un pouco recortadas de máis... e sin posibilidade de reconstrución.... Cuestión de practicar.
   Cando todo estivo rematado, clasificaron por tamaños e pegáronas facendo grilandas... Quedounos un bonito maio que compartimos cos compañeiros do cole colgándoo na entrada.

  

venres, 17 de maio de 2019

Lia, Manu e a gaita galega


  Dentro das visitas o cole tivemos a de Manu, o pai de Lia, que estaba toda emocionada e impaciente por traelo a clase. Manu trouxo a gaita que toca desde pequeno e contounos que durante moitos anos estivo nun grupo.  
Ademáis montouna diante deles e explicounos que é un instrumento de vento, como funciona e como se chaman as pezas que a compoñen. Foi unha experiencia moi bonita e pasámolo xenial.


 
 Trouxo tamén a monteira e cando marchou buscamos na rede o resto de pezas do traxe galego.
  Quedaron impresionados pola potencia e son deste instrumento que acompaña aos galegos na maior parte das nosas celebracións. De seguro hoxe nos acompañou ao longo do Día das Letras galegas.
 Fixen dúas montaxes, unha coas fotos da visita e outra de video cuns anaquiños das pezas que Manu tocou na clase. Espero que vos gusten.
 Moitas grazas Manu por vir pasar este rato con nós.

luns, 13 de maio de 2019

Cristina, Sabela, Rami e Lara: "Ter amigos é divertido"

  Dentro das visitas dos papás e mamás para contarnos contos, houbo unha excepción. Como os de Lara non podían vir "delegaron" en Cristina, a súa irmá maior. Foi unha experiencia moi bonita de lectura de maiores a pequenos e Lara estaba moi emocionada coa visita. Cristina veu con dous compañeiros de clase, Sabela e Rami e entre os tres leron o conto "Ter amigos é divertido" de Rob Lewis
 Durante a visita os pequenos estiveron moi atentos a esta historia...  e aos contadores e portáronse xenial.
  Reseña: Ambrosio é un coelliño que se muda a un sitio novo, o que máis lle gusta é nadar e intenta buscar amigos cos que poida compartir a súa afección pero vainos rexeitando porque todos teñen algún defecto para el... Ao final acaba por decatarse de que é máis importante ter amigos que calquera outra cousa.
 

  Unha historia sobre o respeto na que vemos que todos somos diferentes e que hai que aceptar aos demais tal como son, xa que todos nos poden aportar algo.  

Moitas grazas a Cristina, Sabela e Rami por contarnos este conto!. 
Unha proba de que ter amigos é divertido!