mércores, 4 de novembro de 2015

Samaín e cabazas!

   Polo Samaín a tradición mandaba decorar cabazas e poñelas nos cruces dos camiños para meter medo. A intención era lembrar aos mortos que se supoñía ían polos camiños no mes de Santos, pero esta tradición, mestura de cristiá e pagá, acabou invadida por unha festa foránea. Na súa orixe, que é europea e non americana, viña dun costume máis antigo dos pobos celtas que consistía en espetar as cabezas dos enemigos vencidos na batalla na entrada dos pobos vencedores...    
          Como se supón que os pobos van evolucionando (aínda que ás veces vendo como vai o mundo  teño as miñas dúbidas...) ese costume de cortar cranios acabou derivando en poñer cabazas: onde vai parar! Máis divertido e mancha menos! 
 

   
      
          Pintamos con témpera as cabazas, facendo a mestura con vermello e amarelo para que visen como aparecía  a cor laranxa que precisábamos. Cada un fixo a súa mestura e por eso cada cabaza ten unha cor diferente. Cando secaron puxémoslle ollos e pintaron narices e bocas, incluso barbas e bigotes... 
Neste video están as as cabazas que pintamos.
Noutra entrada porei fotos das cabazas que fixestes cos vosos nenos. Estaban encantados!

martes, 3 de novembro de 2015

Probando area cinética

    A area é un material que fai disfrutar aos pequenos: con ela poden amasar, moldear, trasvasar, pesar...  É ideal para desenvolver as habilidades motoras finas e  sensoriais... E ten o aquel de que lles recorda o verán, a praia ... e eso engádelle un valor de relaxación moi importante. Pero co noso clima temos un problema e fai moitos días que non pisamos o patio de area e vémonos na obriga  de facer o recreo no porche. 
 
   Así que buscamos un sustituto moi interesante: unha area especial que se chama area cinética e que ven de Suecia. Tén un 98% de area  na súa composición é un misterioso 2% que lle dá esa textura especial que nos sorprendeu cando a usamos...
    (Nós xa a coñecíamos e o curso pasado intentamos fabricala probando diversos ingredientes, entre eles a maicena. Saleunos aréa de lúa que é outra versión máis húmeda, pero esta tiña data de caducidade...   Seguiremos probando a ver cal é ese misterioso 2%!)

Aquí podedes ver o ben que o pasamos cando a probamos! 

domingo, 1 de novembro de 2015

Clasificando por cores

Unha das actividades que realizamos na clase para desenvolver a competencia matemática  é traballar coas cores. Cos bloques de madeira que temos, botámolos todos na alfombra e puxémonos a clasificalos segundo a súa cor, por turno e seguindo diferentes instruccións, desde as máis sinxelas de coller un bloque da cor que se lle indica, ata as máis complicadas con ordenes como "colle 1 bloque amarelo, 2 verdes e 1 azul"... 


    Así, estivemos clasificando todos os bloques  e, con algúns nenos, xa engadimos a complicación das formas xeométricas... Despois remexémolas todas e intentamos poñer as distintas pezas de cada cor nunha mesa diferente... aínda que esta tarefa foi máis complicada porque non se daban posto de acordo en cal era a mesa de cada cor: uns colocaban e outros recolocaban... Pero de eso se trataba: de ser capaces de colaborar para levar a cabo un mesmo traballo.


sábado, 31 de outubro de 2015

Visitamos a Biblioteca do colexio

     Visitamos a Biblioteca do noso cole no Día das Bibliotecas Escolares e atopámonos con Leodoro a mascota e con moitos personaxes saidos dos libros.... Levounos un anaco chegar e cando entramos pola porta atopamos a Leodoro que nos foi ensinando princesas, fadas, bruxas, e o rei e a raiña dos contos... 

  Ao principio da visita estábamos algo (bastante) impresionados, pero despois fomos collendo confianza e estivemos falando con Leodoro e sobre todo coas fadas e a bruxa. Eran algunhas das nenas maiores que colaboran coa biblioteca durante os recreos e que o pasaron moi ben representando aos personaxes dos libros. Se queredes ver máis entrade no blog da Biblioteca.

 En este video veredes o que atopamos na Biblioteca:


venres, 30 de outubro de 2015

unha mantis na clase

  A veces un achado casual dá moito de sí. Tal foi o caso do día que atopamos no patio "un bicho". Seguro que xa volo contaron: era unha mantis relixiosa de cor verde. De seguida querían collela e tocala pero, polo ben da mantis e dos dedos, metina nun bote que tivemos na clase toda a mañan e que despois andivo tamén polas outras clases antes de ser liberada.



 










    Foi unha clase de ciencias na que estaban fascinados por ese animaliño tan curioso. Tamén buscamos na rede imaxes moi detalladas e para rematar pintamos unha mantis cada un.... 


domingo, 25 de outubro de 2015

as cores das árbores no outono

   Para apreciar os cambios que se producen nas árbores no outono o mellor é saír e tocar, pisar, coller e xogar coas follas caídas. Así que aproveitamos o bo tempo e que tíñamos apoio na clase e fomos dar unha volta polo entorno. Usamos a saída de emerxencia e achegámonos o instituto, onde teñen uns preciosos liriodendros que chaman a atención polo colorido e a forma que teñen as súas follas.
 
    Cando demos chegado (levounos un tempo... ), recibimos os saúdos dos rapaces do instituto desde as ventás e despois observamos as cores das follas, xogamos con elas, e recollemos unhas cuantas para levar a clase e outras para mamá... e papá... e algún irmán..... E demos volta... Cousa que tamén nos levou "un ratiño" porque os rapaces miraban cada pedra, cada folla e todo canto atopábamos... e costáballes manter a fila. Como o obxectivo desta actividade era que "observasen"... pois non deixaron nada sin observar... 


   Despois, escoitamos un anaquiño das catro estacións de Vivaldi (o outono) e tamén  unha canción sobre as cores do outono. Clicade nos enlaces para ver o que escoitamos na clase.  
 
Neste kizoa podedes ver as fotos da saída:
 

domingo, 18 de outubro de 2015

Un libro: "Todo o que hai que saber, aprendino na escola infantil". Robert Fulghum. 1988



  Agora que comezamos cunha nova promoción de tres anos lembro o título deste libro de Robert Fulghum, que mantén a teoría de que na educación infantil (e na primeira infancia) adquirimos os coñecementos básicos que nos van a permitir ser adultos "con éxito". Cando dicimos "éxito", queremos dicir a vida feliz dunha persoa equilibrada con principios e valores dignos.Estes alumnos están aprendendo destrezas e conceptos básicos para a súa vida e que os preparan para o futuro.

 
     O texto ocorréuselle a este pensador e escritor americano cando nunha gasolineira ao seu vello coche púxolle gasolina súper de alto octanaxe e o coche non puido dixerila. Demasiada información elevada!. Deuse conta entón de que a vida non é tan complicada, de que a maior parte do que necesitaba saber para ter unha vida completa e feliz xa o sabía. 

     Este é un extracto dese libro que se leva editando en numerosos paises e diversos idiomas ao longo dos últimos 27 anos:


"Todo o que hai que saber sobre como vivir e que facer e como debo ser aprendino na escola infantil. A sabedoría non estaba na cima da montaña da universidade, senón alí, no areeiro.


(arte xeométrica na area 6º EI curso 2014-15)
(arte xeométrica na area 6º EI curso 2014-15)










Estas son as cousas que aprendín:

Compárteo todo.
Xoga limpo.
Non lle pegues á xente.
Volve poñer as cousas onde as atopaches.
Limpa sempre o que ensucies.
Non leves o que non é teu.
Pide perdón cando lastimes a alguén.
Lava as mans antes de comer.
As galletas quentes e o leite frío son boísimos.
Vive unha vida equilibrada, aprende algo e pensa en algo e debuxa e pinta e canta e baila e xoga e traballa cada día un pouco.
Dorme a sesta todas as tardes.
Cando saias ao mundo, ten coidado co tráfico, collete  das mans e non te afastes.
Permanece atento ao marabilloso. Recorda a pequena semente no vaso: as raíces baixan, a planta sobe e ninguén sabe realmente como nin por que, pero todos somos así.
Os peixes de cores, os hámsters e os ratos brancos e ata a pequena semente do vaso, todos morren. E nós tamén.
     E entón recorda unha das primeiras palabras que aprendiches, a máis grande de todas: MIRA!



     Así que todo o que necesitas saber está aquí en algures: o amor e a hixiene básica, a ecología e a política, a igualdade e a vida sana.

    Toma calquera destes ítems, tradúceo en términos adultos sofisticados e aplícao á túa vida familiar ou ao teu traballo, ao teu goberno ou ao teu mundo, e manterase verdadeiro, claro e firme. Pensa canto mellor sería o mundo si todos -todo o mundo- tivésemos galletiñas con leite cada tarde e despois una mantiña na que durmir a sesta. Ou si todos os gobernos tivesen como política básica volver sempre a poñer as cousas onde as atoparon e limpar o que ensuxaron.



    E aínda é verdade, non importa cuán vellos sexamos, que ao saír ao mundo é mellor tomarnos das mans e non afastarnos." (fin da cita)
                 Robert L. Fulghum.   “All I Really Need to Know I Learned in Kindergarten. ”


 
(traballo con area cinética no  curso 2014-15)

     Non anda falto de  razón o Sr. Fulghum. Eso mesmo cremos os mestres e mestras que traballamos nestas primeiras etapas. A quen creemos que lle falta a razón é a quen aínda afirma que a educación infantil de 0 a 3 é meramente asistencial  ou que de 3 a 6 só somos una pre-paración para as seguintes etapas. Non é así, somos a base sobre a que asentaremos a nosa vida, e ten que ser forte, sólida e estable poñendo as bases da personalidade para que aguante moitos anos e os embates da vida. Igual que primaria non é unha preparación para secundaria, nin esta para a universidade. Somos distintas fases dun mesmo proceso educativo e vital. Non somos pre-nada, senón unha etapa educativa con identidade propia. Así que imos poner mans á obra para iniciarnos nesta fermosa etapa da educación na que se inician os vosos fillos. 

(estos pequenos estaban "calculando"  o tamaño dos graos de area para que pasasen polo burato e movesen a roda...)



 


domingo, 11 de outubro de 2015

Pompas de xabrón!

     Durante a hora da merenda empregamos palliñas de xeito habitual para tomar os bebibles e que non se emborquen pola mesa. Un día falamos de outros usos para as palliñas e un deles foi o de facer pompas de xabrón. Para ver si se acordaban (como así foi con algúns dos nenos) escribín unha nota na pantaia e o día seguínte pregunteilles para qué era esa nota. Entón preparamos o líquido con xabrón de fregar e boteilles un chisco en vasiños de plástico.

    Como se trataba de que soplasen e non tragasen, antes falamos  dun personaxe moi coñecido por eles, o lobo dos tres porquiños e, coma el, SOPLAMOS E SOPLAMOS...

       Despois de ter claras as normas e esperar a que todos estivesen preparados (cousa que nos costou bastante...) puxémonos man a obra coas pompas. Pasámolo moi ben e conseguimos moitas pompas. E cando rematamos algúns quixeron axudar a secar e limpar a clase, aínda que descubriron que as fregonas son demasiado grandes para eles...
 Neste Kizoa podedes ver o ben que o pasamos!
  

domingo, 4 de outubro de 2015

UN NOVO CURSO!

      Xa estamos aquí de novo: un novo curso, novos nenos e nenas e moitos máis cambios. Esperamos desde aquí compartir con vos o noso día a día. 
   Como sempre, os primeiros días nunha clase de 3 anos con 25 nenos (moitos deles con aínda 2 anos) que veñen das vacacións, de estar a maior parte do seu día coas familias e algúns que non pasaron pola gardería.... pois eso... imaxinade: se víades como entraban, o que foi cando os xuntamos a todos durante 5 horas seguidas... nun espazo limitado cheo de descoñecidos para eles... Cando van chegando as 2 moitos deles xa caen de sono e esgotamento.

 Ao longo destes días:  aprendimos algunhas das rutinas da clase, os nomes dos compañeiros e das profes, a dibuxar  na PDI...
 A camiñar en fila , ou polo menos intentámolo... comezábamos cunha fila e de pronto tiñamos tres!. Aprendimos que, cando chegamos, temos que deixar todo no percheiro e despois entrar na clase e colocar a nosa foto na casilla correspondente.
 Un día ata conseguimos chegar á hortiña do cole e alí vimos laranxas verdes, millo, fresas e berenxenas que plantaran os maiores de 5 anos do curso pasado...
 Volveremos!
Aprendemos a desprazarnos polos espazos deste centro... Aquí imos camiño do parque de area...
No parque xogaremos mentras o tempo nolo permita...

Aquí estamos na sala de psicomotricidade. (Precisaremos os calcetíns antideslizantes para as sesións que teremos o luns e o mércores).  

e xa pintamos algunha vez...


 Estas son algunhas das actividades que estamos facendo polo de agora, ademáis de intentar coñecernos  e respetarnos. Xa vos  irei contando máis cousas que vaiamos facendo!

 

luns, 13 de xullo de 2015

vacacións e despedida

  Como remate de curso debuxamos as portadas do 3ºT pensando no verán. Un curso que acaba despois de 3 anos xuntos nos que vimos como os nenos medraban, facíanse mási autónomos, maduraban e cambiaban... 



  Estas son as portadas.



    Todos cambiamos ao longo destes tres cursos, non só fisicamente como vemos nas fotos, senón por dentro, todos aportamos algo uns aos outros: coñecemento, cariño, experiencias... E, como sempre digo, non todo o que se fai ao longo da educación infantil está nos traballos: unhas cousas van "amueblando" as cabeciñas e moitas máis van no corazón... Así que grazas a todos pola colaboración, polo afecto e polo tempo pasado xuntos. Unha aperta e boa sorte en primaria. Bicos! 
O paso do tempo: así medramos en infantil. 


venres, 10 de xullo de 2015

Coñecendo animais mariños


    Como remate de curso asistimos a un taller con dous biólogos para coñecer os animais mariños. Repartidos en varios grupos os alumnos de infantil escoitaron falar primeiro de Bob Esponxa e outros personaxes de fición e despois pasaron á realidade. 



Para os de 3 anos fixose a versión reducida da charla pero os maiores escoitaron con moita atención. 

    Despois da charla puderon tocar e observar con detalle os exemplares que nos trouxeron: uns estaban disecados, de outros vimos cunchas, caparazóns.... Neste video vedes as fotos da experiencia.



Visitando as aulas de primaria

   Aínda que xa están de vacacións quedei cos nenos en que lles poría unhas entradas coas derradeiras actividades que fixemos. Así que aquí están algunhas fotos do día no que visitamos as clases de primaria que serán as súas para o curso que ven.


      Xa coñecemos moi ben as instalacións e os distintos espazos do cole para que nos sexa máis doado o cambio, pero esta vez sentámonos nos pupitres e estivemos falando cos rapaces de primeiro. 
   Os nenos  responderon ás nosas preguntas e aínda que ao principio non se atrevían, logo colleron confianza tanto uns coma outros.  

  Explicáronnos distintas maneiras de traballar, as disposicións das aulas, o uso dos espazos e do material, que agora vai ser individual, polo cal terán que ser responsables cada un do seu... Unha das cousas que máis lles gustou foron as baldas dos pupitres para gardar as súas cousas...
 Foi unha mañán moi divertida e enchemos o cole de primaria, xa que nos ibamos cruzando e cambiando impresións cos outros dous grupos de 5 anos...