domingo, 14 de abril de 2019

Rosa Caramelo: coeducación e igualdade.


  Na clase contamos o conto "ROSA CARAMELO" para falar de coeducación e igualdade. No conto Margarita é unha elefanta que, como todas as da súa manada, vive moi protexida comendo só flores rosa, adornada de laciños rosa... Todas teñen unha preciosa pel de cor rosa caramelo... menos Margarita, que vive presionada por seus pais aos que lles dá vergoña  que a súa filla non sexa igual que o resto. Margarita está triste por non ser  tan bela como o resto aínda que se esforza moito. Pero mentres as elefantas viven encerradas, poden ver que os elefantes viven e devírtense libres pola  sabana. Un día Margarita decide fuxir do terreo valado das elefantas... ¡para xogar con eles na sabana e ser libre!. O resto de elefantas cando a ven tan feliz acaban seguíndoa e desde entón, non hai distinción entre elefantes e elefantas: todos viven xuntos no mesmo lugar, comparten as mesmas costumes e teñen unha fermosa cor gris... e son libres e iguais!


   Entre todos pintamos o mural da sabana onde viven os elefantiños e fomos analizando o conto: o xeito de pintalo, o tamaño dos elefantes e as árbores, as cores e sobre todo o problema que plantexa:  entenderon moi ben a inxustiza da realidade das elefantiñas cando lles propuxen que só un grupo deles podería ir xogar no patio de area mentras o resto tería que quedarse na clase ou no porche...
 Rosa Caramelo é un dos títulos que Adela Turín e Nella Bosnia publicaron en Italia, entre 1975 e 1980. A súa intención era denunciar a discriminación da muller e reivindicar unha reformulación das estruturas sociais e dos roles de xénero establecidos. Este conto que editou aquí Kalandraka é unha boa ferramenta para traballar a coeducación e a igualdade.

venres, 8 de marzo de 2019

Gamas de cores



  Unha experiencia que fixemos na clase foi sobre as cores... Un día na asamblea deunos por falar das cores das árbores que temos no patio, porque algúns discutían si valía un determinado verde para pintalas. (Asunto aparte era que no outono xa lles víramos moitas máis cores, desde o laranxa, amarelo, vermello ou marrón...). Pero agora, para moitos, case se limitaba a verde: verde claro ou verde escuro, porque son as que vemos polas ventanas e as que temos nas plantas de clase. Pero despois de mirar con máis atención comezamos falando de cómo podíamos pintar os moitos verdes diferentes que estábamos vendo e das gamas de cores e a Escala Cromática.
   Según a teoría das cores, as diferentes gamas de cores obtéñense mesturando as cores puras con branco ou con negro formando gradacións que realizan un paso regular dunha cor a outra. Consigues así unha serie continua dunha cor cara ao branco ou cara ao negro.
 
    Pois eso foi o que fixemos: nunha tira grande posta no chan, repartimos un cadrado para cada neno e comezamos pintando polo centro onde puxemos a primeira cor verde sen mesturas.
 
  Despois fomos engadindo e mesturando cara un lado unha pinga de blanco no primeiro cadrado, dúas pingas no segundo, tres no terceiro....E no outro sentido engadimos pinga a pinga de negro.
 

    Así ata que conseguimos a nosa escala da cor verde: un por neno e nena, todos verdes e todos diferentes!

xoves, 7 de marzo de 2019

Venres de Entroido

  Despois de seguir as instrucións do Meco durante a semana do Entroido o venres viñemos disfrazados para a festa. Almorzamos orellas, filloas, rosquillas e outros doces típicos que os nenos e nenas trouxeron para compartir. Teño que decirvos que a esa parte da nota que vos puxen que mandárades "pouca cantidade" non lle fixestes moito caso jeje.. e aínda así deron boa conta de todo antes do baile e tamén despois do recreo xa que volveron con "bo apetito". 


   Despois do almorzo no que compartiron todo tendo en conta as intolerancias (en eso son moi coidadosos e preocupados!)  fomos ao baile con tódolos de infantil e seguimos a festa no patio de recreo. Ao principio estaban algo nerviosos por verse no medio de todo infantil, pero despois fóronse animando, buscando irmáns, amigos... Pasámolo moi ben! Moitas gracias a todos pola vosa colaboración!
 (Nesta montaxe van fotos da clase, dos disfraces, do baile e do patio, pero estade pendentes da web xa que subirei algúns anacos de videos do baile. )

 

luns, 4 de marzo de 2019

Día de Rosalía

 Os pequenos de 3 anos participamos como todo o Ceip a Maía na  homenaxe a Rosalía, conmemorando o 182 aniversario do seu nacemento con diversas iniciativas promovidas polos EDNLG do Concello e dos centros de Ames  e que compartimos coa comunidade. Así, levastes os carteis para as portas das vosas casas e nós levamos as laxas de pizarra ao Parque do Ameneiral con distintos versos da poetisa. O poema que fixemos na nosa clase foi  "ADIOS RIOS, ADIOS FONTES". Teño que decir que os nenos entenderon a fonda tristura deste poema e algúns se emocionaron de verdade e sentiron a pena de Rosalía  "¡Deixo a casa onde nacín, deixo a aldea que conoso, por un mundo que non vin!".  


                              Podedes ver os traballos de todo o cole premendo AQUÍ na web.

    Nesta montaxe podedes ver como fixemos entre todos o noso cartel e a laxa de pizarra, así como fotos da saída das clases de tres anos que fixemos en bus para colocar a nosa laxa á beira do rego no parque. A saída en bus fíxolles tanta ilusión como o paseo polo Parque. E xa me contaron que algúns fostes de paseo para ver os poemas e que atopar o noso!


 Quero darvos tamén moitas grazas por colaborar con nós para colocar os carteis nas vosas portas.

luns, 25 de febreiro de 2019

Castrigo: mimosas, muiño e lavadoiro.

  Fai uns días fixemos unha saída cos pequenos de 3 anos para ver as mimosas en flor e achegarnos ao muiño e ao lavadoiro de Castrigo. Fixemos a saída cos nenos da clase de Ana, que se despedía de nós e a quén todos os compañeiros botaremos de menos e lle desexamos moita sorte no seu novo destino. Tamén nos acompañaron a profe Sandra, a quen demos a benvida ao centro, e a profe Isabel. Polo camiño ibamos falando e observando a natureza e as cousas que atopábamos.

     Cando chegamos pedímoslles que observasen a ver qué lles chamaba a atención e todos miraron para o chan buscando... Tardaron un chisco en mirar cara arriba e darse conta que estábamos baixo unha masa de mimosas. Son unhas das árbores máis fermosas e coloridas que temos en Galicia (aínda que sexan invasoras, lles guste o lume e sexan  foráneas, xa están completamente naturalizadas: fai máis dun século que chegaron desde Australia e Tasmania). 
  
   Despois seguimos camiño ao muiño e o lavadoiro de Castrigo. Cando chegámos sentámonos nas pedras do chan porque estaban algo cansados e falamos do uso que se lle daba antiguamente aos lavadoiros, "cando non había lavadoras" (unha cousa divertida... pero inconcebible para eles, polo que é importante falarlles das pequenas historias e usos das cousas e das xentes que as facían para que non se esquezan).
  
 Finalmente demos volta por un atallo entre as casas e logo dunha boa camiñata chegamos de novo ao cole ... e o luns seguinte na clase pintamos as mimosas

venres, 22 de febreiro de 2019

Día internacional da muller e a nena na ciencia

   En conmemoración do DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA, que se celebrou o 11 de febreiro  Carola, a mamá de Abril  e Vera, veu á escola para falarlles aos de 6º de infantil de Ciencia e de científicas e de que as nenas poden ser o que queiran, xa que non hai profesións de homes ou mulleres... Podedes ver a entrada na web do cole premendo AQUÍ.

   Tamén se acordou de nós (grazas Carola!) e trouxonos para cada un unhas preciosas gomas con forma de astronautas que nos encantaron. A visita dos maiores dounos pé para falar na asamblea de clase do que eles pensaban que eran os e as científicas e chegamos un pouco á conclusión de que fan experimentos e saben moito de insectos... Así que nós tamén somos "algo científicos e científicas" xa que  na clase temos feito algúns  que xa vos irei contando...
(Vouvos poñer aquí un video moi interesante no que podemos ver como moitos  pequenos  xa teñen establecidos os estereotipos de xénero e inconscientemente xa clasifican as profesions como traballos de homes ou mulleres. Un experimento que nos fará reflexionar sobre cómo educamos aos nenos e nenas...) 

Xogos Colaborativos no Día da Paz

    O día da Paz celebramos sesións de xogos colaborativos en todo o centro, maiores e pequenos, baixo o lema "hoxe gañamos todos". Esta entrada xa a puxen na web do cole fai uns días, pero por si acaso non a vistes, volvoa poñer aquí xa que no video vese como os pequenos da nosa clase participan neste día como todos os nenos do cole. Foi unha xornada moi divertida na que vimos xogos colaborativos. Este tipo de xogos  están centrados na unión e tódolos xogadores son necesarios sin que nadie caia eliminado.

   O Equipo de Convivencia fixo unha serie de propostas de xogos cooperativos e o Equipo de Educación Infantil organizou os grupos e as quendas para compartir aros ao ritmo da música, transportar conos na cabeza e transportar pelotas en ringleiras. A nosa clase contou coa axuda da profe de Psicomotricidade: grazas Carlota!


Trasnos

  Unha das actividades que fixemos no Nadal foron estes trasniños ou duendes de nadal coas súas caras. Os pequenos pintáronlle  a roupa  e despois puxémoslles brazos e pernas que nos permitiron xogar coas articulacións e o movemento. Foi toda unha "dura decisión" escoller as cores dos limpapipas que nos serviron de brazos e pernas.... gustábanlles as cores pero querían "coordinarse" cos amigos e poñelas iguais...

  Despois levaron os trasniños-axudantes de papá Noel  para casa: algúns dixeron que as colgaron nas árbores que tiñan postas e outros na súa habitación. Un sinxelo xoguete de nadal...


 

martes, 19 de febreiro de 2019

O Nadal na clase

   En decembro os nenos e nenas celebraron o Nadal. (Cóntovolo agora cun chisquiño de retraso....) Decoraron a clase, montaron a árbore da entrada, crearon postais e outros traballos, participaron nun taller onde decoraron bolsas  de periódico para levar as cousas que fixeron... Tamén fixemos unha festa de Nadal na que bailamos, cantamos e preparamos unha mesa de merenda de Nadal, tomamos chocolate con churros e rematamos contando as 12 badaladas...


Á volta de vacacións tamén fomos os encargados de desmontar e gardar a árbore... ata o curso que ven. Tamén falamos dos Reis Magos porque atopamos na clase unha carta que nos escribiron!. 


 Nela os Reis pedíannos que se fomos boiños lles deixásemos os nosos nomes escritos por si pasaban pola clase... Todos se esmeraron en escribir os seus nomes moi clariños e deixámolos dentro dun calcetín de Nadal colgado no corcho.

   Foi unha actividade na que viron a utilidade da escritura, e que lles creou unha gran espectación, porque ao cabo de varios días na clase apareceu unha caixa cun pequeno agasallo para cada un!. Todos foron moi boiños!

venres, 1 de febreiro de 2019

Deixándonos levar pola imaxinación...

   Fotos de dúas das sesións de pintura que facemos na clase de tres anos: individual e en grupo. Como únicas pautas: o respeto polos materiais, o espazo común e o traballo dos compañeiros... Con puntos, círculos, raias e  manchas deixámonos levar pola imaxinación e a creatividade e sobre todo disfrutamos creando arte!
    De paso recomendarvos calquera dos fermosos libros dun ilustrador que nos inspira: Hervé Tullet,  e que podedes atopar premendo neste enlace.


 

Creando e respetando a través do xogo

(Por circunstancias diversas teño o blog algo atrasado, pero imos intentar poñelo ao día...). Esta montaxe ten algunhas fotos feitas durante as sesións de xogos do primeiro trimestre tanto dentro da clase (cos materiais de aula)  como no patio onde xogan coas estructuras montadas, pero sobre todo cos elementos naturais: area, follas, paos... Trátase de a través do xogo, deixalos crear, inventar e imaxinar e tamén e sobre todo de fomentar o respeto polos espacios, os materiais e os compañeiros.


martes, 18 de decembro de 2018

Mouchos de outono

 
 Unha das nosas derradeiras actividades do outono foi a confección dos mouchiños con follas secas que fomos xuntando na clase. 
  Antes de encher as bolsas, tíñamos que quitarlles os rabos ás follas, escoller as máis pequenas, rachar ou enrrugar as grandes e aplicar conceptos matemáticos (moito, pouco, máis, menos, cheo, baleiro...). Observamos tamén as distintas texturas das follas e as súas cores e olores.