domingo, 6 de febreiro de 2022

O carballo de Conxo e os carballos da Maía

 Seguramente xa sabedes que "o carballo de Conxo" do veciño concello de Santiago é a árbore seleccionada por España, por votación popular, como candidata a ÁRBORE EUROPEA DO ANO. Ten máis de 250 anos, uns 30 metros de altura e case 4 de perímetro. 

 Ademáis de desexar que, cos nosos votos, o carballo de Conxo sexa elexido como Árbore Europea do Ano, como cada outono, fixemos en outubro unha plantación de landras e todos os nenos e nenas plantaron varias. Xa estamos vendo asomar as raices de moitos por debaixo das macetas, aínda que de momento só naceu este da foto. 

Os nosos carballiños aínda non poden competir 😉 pero son a nosa aportación á conservación destas árbores que tanto nos representan. Comezamos por querelas para despois aprender a respetalas.

Historia (púxena  algo máis completa no blog da Biblioteca): o carballo de Conxo é un dos poucos que quedan de esa idade e envergadura no entorno de Santiago xa que quedou protexido durante anos nos xardíns privados do antigo Manicomio. A maioría dos outros desapareceron queimados ou talados para empregar nas numerosas curtidurías que rodeaban a capital e que os empregaban polo tanino para traballar e conservar as peles de animais.


Ademáis dos anos e o tamaño, outro dos seus valores engadidos é o cultural. No século XIX celebrouse a carón del o histórico Banquete Democrático de Conxo "organizado por estudiantes universitarios (entre eles o poeta romántico Aurelio Aguirre) onde os xoves quixeron servila mesa a artesáns e obreiros, como símbolo revolucionario de igualdade, liberdade e fraternidade, os valores democráticos recibidos da Revolución Francesa".

Tamén inspirou a Rosalía de Castro, quen criticou a tala destas árbores no poema titulado “Los robles”, do seu libro "En las orillas del Sar" (1884). Os seus textos en defensa da naturaleza son hoxe en día unhas das primeiras proclamas ecoloxistas e de loita polas árbores e o medio natural levadas a cabo en España.

 (European Tree of the Year)Bosques Sin Fronteiras, convoca o Premio Árbol Nacional e Europeo do Año, dirixidos a significar e valorar árbores que por diversas características son merecedores dun recoñecemento e respeto social. Busca a elección daqueles exemplares cos que as persoas establecen especiais relacións afectivas e que son "Testigos da historia, do clima e do respeto dos pobos"

 

Así que xa sabedes: LEDE E VOTADE!👍👍👍

 

 

xoves, 3 de febreiro de 2022

Cando casan os paxaros: a Candelaria

 O 2 de febreiro conmemórase o Día da Candelaria, que en Galicia desde moi antigo é "cando casan os paxariños", e representa o renacer da natureza, que vai rematar o inverno e se achega a primavera. Os paxaros buscan parella e preparan os seus niños. Para achegarnos a esta tradición nós fixemos estos paxariños que cantan pousados nunha pola.

Refrán: "Pola Candeloria a metade do inverno vai fora" 
 
  A Candelaria é unha festa cristiá que lembra a presentación do neno Xesús no templo (40 días despois do Nadal)  que se solapa sobre outras de orixe romana onde se portaban candeas (velas), o incluso unha celebración máis antiga de orixe celta que representaba o renacer da Natureza despois do inverno...

    Aquí estamos vendo os distintos tipos de niños que lles levei, aínda que non sei identificalos todos (admítese axuda!). Vimos os diferentes tamaños e texturas e fixámonos nos materiais de que están feitos: paos, plumas, pelos, pallas, musgo, terra, incluso restos de algodón e rafia que deberon recoller no patio do cole...
 O que máis nos gustaba era o do carrizo porque é o mais pequeniño, feitiño e suave en contraste cos máis grandes: colle nunha man!. 

Eso sí: quedou moi claro que non se poden coller os niños dos paxaros porque son as súas casas. Só podemos recoller os que atopemos polo chan como estos que teño.





Un carrizo e un pardal



luns, 31 de xaneiro de 2022

Piruletas pola paz !


  Este domingo 30 celebrouse o Día da Paz. No colexio, os nenos de infantil participamos na proposta do Equipo de Convivencia de traballar ao longo da semana co tema "Larpeiradas pola Paz". Así, cada clase fixo piruletas, caramelos, chupas e moitas clases de doces con diferentes materiais que fomos colocando na entrada do cole, nas columnas do porche e no patio de xogos. Os máis maiores tamén escribiron palabras e pequenas frases  sobre o tema e todos visualizamos distintos cortos de animación e falamos sobre eles para traballar este concepto. A nós os cortos que máis nos gustaron foron: "Cadena de favores infinita", "el valor de la empatía", que tratan de achegarse á paz a través dos pequenos xestos e tamén "el puente" e "convivencia" que fano a partir de conflictos. 

 As piruletas da paz de 3 anos pintámolas con témpera e alkil en placas recortadas de porexpán. Cada un escolleu a cor que máis lles gustaba e agora están colocadas no areeiro da entrada. Esperamos que vos gusten!



domingo, 30 de xaneiro de 2022

Collendo laranxas no horto

 Á volta de vacacións fixemos un par de saídas. Unha foi para coñecer os patios dos maiores e ver o entorno do comedor. A outra foi ao pequeno horto do cole onde aínda quedaban pementos da plantación anterior. Alí tamén medra unha laranxeira que plantara con unha das miñas promocións neste cole. Cada un volvimos con un froito para clase onde comparamos con outros cítricos que tiñamos alí: pomelos, mandarinas e limóns. 

 Tamén collimos para os compañeiros que estos días non puderon vir a clase. Para eso contamos os que estabamos e os que non viñeran. Despois botámolas pola alfombra  e vimos o diferentes que eran: as nosas laranxas son pequenas e medio amarelas e parecíanse máis aos limóns. Os froitos tiñan cores que iban do amarelo brillante ao laranxa forte e tamén pudemos ver os distintos tamaños e xogamos a clasificar os froitos.


 

xoves, 20 de xaneiro de 2022

Mobiliario para os patios

Antes das vacacións o cole mercou bancos e maceteiros para os patios de infantil. Aquí estamos "estrenando" o novo mobiliario. As cores e superficies axudan a alegrar este espacio e facelo máis acolledor. E será máis cando comecemos a encher de plantas os maceteiros que de momento teñen outros usos!

 



 

sábado, 8 de xaneiro de 2022

Traballos de Nadal e minimundos con musgo

                                        

Como remate de trimestre e antes de irnos de vacacións fixemos manualidades relacionadas co Nadal. Decoramos bolas coas nosas fotos para colgalas nas árbores da casa, fixemos estrelas de plastilina con cortapasas e cubertas de minitubos que estimulaban a psicomotricidade fina. Todo con un mundo de purpurina!. E sobre todo pintamos as bolsas de papel que nos quedaron superchulas!


 
Tamén fixemos un minimundo: con botes de mermelada, virutas de madeira, musgo e boliñas de Nadal fixemos un pequeno fogar para que repousase unha ovellina. Aínda que o fixemos case de un en un, conseguir encher os botes da cantidade xusta e proporcionada para que se visen as ovellas foi unha tarefa máis complicada do que parecía, porque todos querían ver o que facían os demáis e tamén tiñan que axustar as cantidades e buscar a diferencia entre pellizcos, mancheas... e puñados 😅. E contar máis de 10 boliñas. Traballamos de novo a psicomotricidade fina e conseguimos completar os botes e aínda nos sobraron virutas e musgo... O chan tamén quedou "sembrado" e cando rematamos parecía que toooodo se multiplicara e tiñamos máis cantidade que cando comezamos... 😂😂 
 


E o último día fixemos unha merenda con productos típicos destas datas que trouxeron da casa e cubrimos as mesas con manteis de cores que lle daban á clase un aire máis festivo. E despois do recreo como os manteis estaban perfectos (esta vez non nos caeu ningún bebible, nin auga, nin se nos manchou nada de nada!😄) pois empregámolos de lenzo para dibuxar e decorar con gomets. Foi moi divertido!




mércores, 5 de xaneiro de 2022

Garabullos e tapas: materiais naturais e reciclados.

   Xa case en Reis e soñando cos agasallos que lles van traer, hoxe vou poñer aquí dous materiais que nos saíron completamente de balde e que nos encantaron a pesar da súa sinxeleza... ou por eso mismo. Directamente do xardín e da caixa de reciclaxe!. Xogamos con elementos naturais. Garabullos de madeira de carballos, camelias, kiwis, abeleiras... Ademáis de sentir as distintas texturas, grosores, tamaños e olores, empregámolos para facer con eles formas, debuxos e letras. Reproducimos as que vimos na pizarra e tamén creamos outras novas. Un material económico e moi agradable para os nenos, que nos trae a natureza dentro da clase e que estimula os seus sentidos. Ademáis xa sabemos que a todos lles encanta xogar cos paos e no patio disfrutan cando os atopan, así que só empregamos un recurso abundante e adaptado aos seus intereses.


 Por outro lado tamén empregamos materiais reciclados. Neste caso as tapas de todo tipo que fomos xuntando ao longo do tempo. Unha maneira de reutilizar un material moi abundante, visualmente atractivo e do que dispoñemos en abundancia e de balde. Ademáis de xogar libremente e de facer creacións artísticas con elas, empregámolas como un material matemático máis para ordenalas, contalas, facer series e clasificacións. Nesta ocasión fixemos varios xogos nos que tiñan que decorar coroas, abetos e reproducir os modelos das tarxetas relacionadas co Nadal.


martes, 28 de decembro de 2021

A árbore de Nadal

Os pequenos de 3 anos fomos os encargados da árbore de Nadal. Quixemos contribuir á decoración do colexio (polas portas, nos teitos, platos de Nadal feitos polas familias...) colgando os adobios da árbore para que todos os seus compañeiros a disfrutasen!. Xa é unha tradición do cole que sexa a nosa clase a encargada de poñer a árbore na entrada. Comezaron os de 4ºA e despois tamén se nos uniron os de 4ºB cando volveron da clase de Música. Montamos a árbore e despois, entre a profe Sandra e eu, fomos axudando aos nenos a poñer luces, bolas e cintas. Quedounos moi bonito... e eles moi contentos! 

 


 

domingo, 26 de decembro de 2021

Receta de "plátano pirata"

 

Os luns para a merenda de media mañán, temos o día da  froita na clase, e cando tocaba  plátano falábamos de Canarias, do volcán da Palma e sobre todo do que lles costaba rematar o plátano enteiro.... Que si é moi grande, que non me gusta, que ten manchas, que xa comín moito, que non podo... En fín, tódalas excusas que seguro coñecedes.


Un día, despois de agotar tódolos argumentos para que comesen aínda que só fose un bocadiño máis, ocurreuseme contarlles que a mellor maneira de comer un plátano era cortarlo cunha espada pirata que me dera un deles fai tempo e que tiña gardada no armario (era o coitelo de cortalas tartas e biscoitos que compartíamos antes do Covid)...

 Así que, armada de "espada pirata", corteilles os plátanos en anaquiños... e agora rematan os plátanos sen protestar  jeje



Día da Discapacidade e Día da Infancia

 

Dende o equipo de Convivencia propuxéronnos actividades para as conmemoracións do Día da Discapacidade e do Día da Infancia. Como base empregamos bolboretas para colocar polos corredores. Os máis maiores de infantil tiñan que pensar nunha cousa que fixesen ben e outra que non se lles fose tan doada. Nas clases de 3 anos pintamos as nosas bolboretas partindo das mesmas cores e quedaron iguais... pero diferentes. 



 O obxectivo desta conmemoración do Día das Discapacidades é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en tódolos aspectos sociais, económicos e culturais

A celebración do día da Infancia pretende recordar e defender os dereitos dos nenos referentes á educación, a saúde e a protección sin importar de onde sexan.

sábado, 4 de decembro de 2021

Plantando bulbos de tulipáns e ciclames

  Esta semana os nenos das dúas clases de 3 anos estivemos de plantación de bulbos e flores de outono. Algúns xa vistes o resultado. O patio quedou moi colorido!. Mercamos uns bulbos de tulipáns e tamén plantas de ciclames de cores. Isabel encargouse de atar e asegurar as macetas nas barandillas e Sandra e eu plantamos
os bulbos cos nosos pequenos. Colocáronos un a un coa punta do gromo para arriba e tapáronos coa terra. Tíñamos que facelo ao revés que as landras que plantamos coa punta para abaixo. Agora o areeiro está cheo de cores, pero para ver os tulipáns aínda teremos que agardar moito ata finais do inverno !. Esperamos que pague a pena!.